Cando a fotógrafa Maribel Longueira escoitou os primeiros sons da poqueta tívoo claro: o Papagaio víñase abaixo.
Ou, mellor dito: tiraban abaixo o Papagaio e con el un fragmento da cidade que moitas coruñesas non querían mirar.
O barrio popular, o barrio obreiro, o barrio das putas e outras traballadoras explotadas debía facerlle sitio a unha mole de cemento e pretensións. A cidade da xente de ben devoraba o que non lle valía. Esta afinadísima intuición de Maribel levouna a documentar, cámara en man, o declinar dun tempo e unha xeografía propias, domésticas, gloriosamente prosaicas.
E coas imaxes recollidas convidou a varias poetas a poñer a palabra necesaria. A idea primeira era que aquel fose un traballo coral, colectivo. Mais Luísa Villalta, unha desas convidadas, chegoulle pola porta cun rosario de poemas, unha xema por cada imaxe.
BULEVAR PAPAGAIO é unha proposta escénica que parte do libro do Papagaio, con fotografías de Maribel Longueira e poemas de Luísa Villalta.
Escollemos esta obra non só pola súa trascendencia no eido da poesía galega, senón tamén polo simbolismo que contén unha obra construída por dúas mulleres obreiras, críticas e comprometidas a partir dos cascallos do “barrio das putas” nunha cidade tan conservadora como a da Coruña.
Hai lugares que ninguén quere mirar, dos que todo o mundo fai que non ten noticia. Ignorar a fealdade, a explotación ou a violencia non é unha actitude exclusiva das cidades, tamén se dá na literatura, na arte, na política, nas casas de cada unha de nós. Contra iso nace Bulevar Papagaio. Traemos o espello limpísimo.
As feroces consideramos que as fotografías do Papagaio deberían presidir a cabeceira de todas nós.
Habería que berrar os seus versos polas rúas, escribilos nas paredes, terían que estar nas bocas das amantes e das mulleres desesperadas que moran en tantos Papagaios estigmatizados e ameazados de demolición.