FRÍO

FRÍO inspírase libérrimamente na extraordinaria historia de Nikolái Gógol, O abrigo.
É un espectáculo de teatro físico e máscaras con música en directo. Unha fábula máxica que fala do fatum, o desexo e a morte na roda imparable dunha sociedade guiada pola ansia de ter para ser, e de lucir para ser visto.

En FRÍO os personaxes imaxinados por Gógol transmutan en forzas simbólicas que acompañan o desexo de Akaki e os seus esforzos por logralo.A través dos símbolos  trasladámonos a un espazo e un tempo universais que se ven amplificados coa forza escénica da máscara e a melodía.

O corpo dos intérpretes transfórmase nunha substancia fabulosa e a locuacidade da música interpretada en directo traduce as palabras de Gógol a un idioma común a calquera ser humano.

 

TEASER

Todos procedemos d’O abrigo de Gógol” parece que dixo unha vez Dostoievski.
E quizais se referise á longa estirpe de narracións que beben da inacabable influencia literaria de Nikolái Vasílievich Gógol, pero tamén é moi probable que pensara na semellanza entre os nosos soños e os de Akaki.

As feroces somos obreiras e ás veces necesitamos da parábola para entender o noso lugar na roda da produción. Distinguimos mellor a natureza  do que representamos para o capital na historia de Akaki ca nas páxinas salmón.

Sempre se di, e con razón: “coidado co que desexas, porque se pode cumprir

A oposición entre a inclinación natural de cada ser humano e a obriga de producir, de gañar, de lucir, é fonte da infelicidade e do resentimento que nos invaden.
“Preferiría non o facer”, pensamos cada día por boca de Bartleby; pero tamén cada día sen falta  xunguímonos ao carro que detestamos e executamos aquilo que se espera de nós.

Akaki Akakievich, aínda estando satisfeito co seu desvalorizado traballo de copista e o pouco salario que este lle reporta, vese na necesidade de forzar ese ritmo que lle é natural e grato para producir moito máis.
O que nun principio é froito da necesidade non tarda en se converter nun anhelo inchado, irreal.

GALERÍA

Os soños das misérrimas son -paradoxalmente- suntuosos, delirantemente ricos e coloridos. As pobres soñan ao grande porque para elas existe unha distancia abismal entre a realidade e o desexo que só pode ser cuberta cunha fantasía vizosa.

FICHA TÉCNICA

ELENCO  / Inés Salvado, Lolo Castro, Gustavo Freire, Bea Romero, Sergio Piñeiro
IDEA, DRAMATURXIA E DIRECCIÓN / Lorena Conde
MÚSICA E ESPAZO SONORO / Guillermo Alzugaray
ESPAZO ESCÉNICO E VESTIARIO / A Feroz
MÁSCARAS / A Maranha
ILUMINACIÓN E SON / Raúl Giraldo
FOTOGRAFÍA / Alberto Suárez
DESEÑO / Lorena Conde
PRODUCIÓN / A Feroz
DISTRIBUCIÓN / Amarelo

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies